Wednesday, November 15, 2006

Encántame este libro de Suso de Toro. Ten esa diversión irónica tan divertida.

Empeza así...


Vaia tempo, eh. Empeza ben o día. Non para, a que se pon a chover non ten parada. Antes todos chamabamos pola chuvia, que se había seca, que se secaba a verdura, que se no inverno había arder o monte, qué sei eu. E agora aí tedes chuvia. Toma chuvia. E a min gústame a chuvia, eh, coidadiño, que se me falta moito tempo aínda parece que me falta algo. Qué había ser de nós, que somos coma herba, sen a chuvia. Tamén o que ten a chuvia é que fai que te deas máis de conta de como pasa o tempo, que o notes máis, como se dixéramos. Iso é certo, tan certo coma que o tempo pasa atravesándonos e leva sen trégoa pedaciños de nós. Tan certo. Mesmo ás veces paréceme como que o sinto en atravesándome. Máis ca nada cando chove. Si, ho, a chuvia tamén ensina que a vida é ir perdendo algo de nós sen tregua. Xa está, xa me entrou a morriña e xa me puxen na filosofía. En canto chove, a que me descoido, zas, xa estou na filosofía. E conste que non me disgusta. Positivamente. Pero cando leva moitos días a chover así xa me parece que me falta o aire, que acoro. Vaime entrando unha cousa así para adentro, para adentro, que te vai tomando, que te vai tomando. Como unha morriña, como unha melancolía, qué sei eu. Cando é así penso no rio Amazonas do Brasil e no sol que debe haber alí destas horas, que aquelo é moita cousa. Tamén penso en cado era rapaz, que de aquela si que había sol. A que chegaba a primavera e o verán había unha caloraza... Agora non. Din que non ten que ver con que os americanos foran a lúa, pero eu creo que si que ten que ver. Claro que hai xente bastante máis científica ca min, pero eu non fago caso. Non deberon ir a Lúa. Total, ¿a que foron? A ver que mo explica, porque eu non o sei. Boh, tanto ten. Por min que chova. Total non hai maneira de poñernos a todos de acordo, que se vou eu e quero sol vai aquel e quere chuvia e viceversa. Ou sexa, viceversa é do contrario, que se eu quero chuvia, va el e quere sol. Eso é viceversa. E sempre andamos todos en viceversa con todas as cousas. Sobre todo co tempo, porque eu acórdome antes cando rapaz que co tempo non pasabas estas cousas. Se chovía, pois chovía. Pero agora como vemos ao home ou á muller do tempo na televisión que parece que son eles os que reparten en gobernan o tempo, pois xa todos nos poñemos, hala, eu quero sol. Non, non, a min póñame unhas poucas nubes que o sol me fai mal nos ollos. Agora a xente co do tempo ponse coma se estivese na carnicería ou na tenda de roupa. Como a unha cuñada miña que traballa nunha tenda de roupa e di sempre "eu a cada clienta que vexo entrar pola porta mandábaa fusilar", di ela. Ten algo de mal carácter, pero tamén que se é como di ela que cada unha que entra lle fai ensinar toda a mercancía feminina canta ten, porque alí namais venden roupa para mulleres, que é unha mercería, onde venden cousas de corsetería, os sosténs, que agora haiche cada un... que eu cando paso por diante dunha mercería desas quedo mirando coa boca aberta para ás prendas que exhiben. Porque exhiben cada cousa... miña madriña. Eu ás veces quédome así mirando, que claro, anque queiras non podes tocar, que tés o cristal por diante, e quédome así mirando para aqueles bustos con aqueles sosténs de encaixe... O busto é esta parte que colle os peitos e os ombros. E vexo aqueles bustos e aqueles sosténs... Mi má. E anque un quere controlar, conservar o control da situación, pos ás veces é difícil. Dunha vez xa me saiu unha vendedora chamarme a atención, "Fora de aí, sinvergonza. Maleducado". E mais eu non facía nada, eu namais miraba, que non son ningún dexenerado, e o normal é que se estás mirando que teñas a man no peto do p antalón. Non sei que mal ten. Digo eu. En fin, haiche xente moi incomprensiva.....


0 Comments:

Post a Comment

<< Home